top of page

Crónica do IV Ciclo de Concertos Soncello 2026

Cartel do IV Ciclo de Concertos Soncello 2026
Cartel do IV Ciclo de Concertos Soncello 2026

Durante as últimas semanas, A Coruña e Oleiros convertéronse nun punto de encontro para o violoncelo grazas ao IV Ciclo de Concertos Soncello.


A través de seis concertos celebrados en distintos espazos da Coruña e Oleiros, o ciclo reuniu intérpretes de diferentes xeracións e perfís, ofrecendo ao público unha ampla mostra das posibilidades expresivas do instrumento.


Daniel Iglesias e Laura Díaz no Círculo de Artesáns - 30/5/2026
Daniel Iglesias e Laura Díaz no Círculo de Artesáns - 30/5/2026

O ciclo comezou no Círculo de Artesáns co recital de Daniel Iglesias e Laura Díaz. O programa percorreu diferentes linguaxes e épocas, desde o clasicismo de Haydn ata a escritura contemporánea de György Ligeti e as cores e ritmos da música arxentina de Alberto Ginastera. Un concerto que puxo de manifesto a versatilidade do violoncelo e o alto nivel artístico das novas xeracións de intérpretes.


Cuarteto de violoncelos na Colexiata de Santa María do Campo - 2/6/2026
Cuarteto de violoncelos na Colexiata de Santa María do Campo - 2/6/2026

Poucos días despois, a Colexiata de Santa María do Campo acolleu unha das propostas máis singulares do ciclo. O cuarteto de violoncelos formado por Rubén Canedo, Emilio Ubach, Iván Fernández e Carolina Landriscini ofreceu unha homenaxe a David Popper, figura fundamental na historia do instrumento. A interpretación dunha selección dos seus estudos op. 73, xunto con obras de Goltermann e Fitzenhagen, permitiu descubrir unha faceta musical que vai moito máis alá do seu coñecido valor pedagóxico. O concerto concluíu coa mítica versión de Nothing Else Matters, convertida nun auténtico símbolo do cuarteto de violoncelos grazas a Apocalyptica nos anos noventa. O cuarteto regresou unha semana máis tarde coa súa homenaxe a David Popper na Igrexa de Santiago da Coruña.


Alexandre Ferreira e Damián Hernández no CMUS Profesional da Coruña - 4/6/2026
Alexandre Ferreira e Damián Hernández no CMUS Profesional da Coruña - 4/6/2026

A presenza de novos intérpretes foi outro dos eixes desta edición. No CMUS Profesional da Coruña, Alexandre Ferreira, xunto co pianista Damián Hernández, presentou un programa que combinou a profundidade de Bach co lirismo e a riqueza expresiva de Dvořák, Elgar e Davidoff. O recital permitiu apreciar o talento dun músico moi novo que xa conta cunha destacada traxectoria e numerosos recoñecementos.


Virginia Rodríguez-Tubío e Damián Hernández no Círculo de Artesáns - 5/6/2026
Virginia Rodríguez-Tubío e Damián Hernández no Círculo de Artesáns - 5/6/2026

Ao día seguinte, o Círculo de Artesáns acolleu o recital de Virginia Rodríguez-Tubío e Damián Hernández. Obras de Bach, Dvořák, Davidoff e Shostakovich conformaron un programa de grande esixencia artística, que alternou momentos de virtuosismo, intensidade dramática e fonda expresividade. O concerto confirmou a sólida proxección dunha intérprete que continúa acadando importantes éxitos dentro e fóra de Galicia.


Música antiga: Trío Sonata no CMUS Profesional da Coruña - 12/06/2026
Música antiga: Trío Sonata no CMUS Profesional da Coruña - 12/06/2026

A clausura do ciclo estivo dedicada á música antiga. Saúl Nogareda, Ángela Neto e Erea Blanco presentaron o programa Da liña do baixo continuo á voz solista: o violoncelo nas primeiras sonatas a tre, primeiro no CMUS Profesional da Coruña e posteriormente na Residencia de Maiores de Iñás, en Oleiros.


Música antiga: Trío Sonata en Oleiros - 15/06/2026
Música antiga: Trío Sonata en Oleiros - 15/06/2026

A través de obras de Vivaldi, Telemann, Platti e Boismortier, o concerto propuxo un percorrido pola evolución do violoncelo entre finais do século XVII e a primeira metade do XVIII, amosando como o instrumento foi gañando protagonismo ata converterse nunha voz plenamente independente dentro da música de cámara.


Desde Soncello queremos agradecer a todos os intérpretes, colaboradores, institucións e asistentes a súa participación nesta cuarta edición. Os concertos reafirman o valor deste ciclo como un espazo de encontro arredor do violoncelo, da música de cámara e da difusión do rico repertorio musical do noso instrumento.


Xa podedes acceder á galería completa de fotografías dos concertos!



Comments


deputacionacoruna_w-300x136.png
  • Facebook
  • Instagram
  • Icono social de Spotify
  • YouTube

©2022 - Soncello

Asociación Galega de Violoncellistas

bottom of page