Como cada ano, coa chegada do outono, Soncello pon en marcha o seu esperado Ciclo de Concertos, unha iniciativa que ten como propósito principal difundir o traballo da nosa asociación e, ao mesmo tempo, achegar a música e a experiencia dos nosos músicos a estudantes e novos violonchelistas dos centros onde se celebran estas presentacións.
Este proxecto, que xa alcanza a súa terceira edición, é unha mostra do compromiso de Soncello coa educación musical e a difusión da arte do violonchelo. Agardamos que siga medrando durante moitos anos máis!
Un percorrido musical por diferentes centros educativos
Nesta edición, tivemos o pracer de levar a música dos nosos intérpretes a tres centros educativos:
Decembro no CMUS Profesional de Viveiro
O 4 de decembro, Alexandre Ferreira e Carlos Ares (violonchelo), xunto a Javier López (piano), ofreceron un programa vibrante con obras de David Popper, Camille Saint-Saëns e Serguéi Prokófiev.
Unha semana despois, o 9 de decembro, Millán Abeledo (violonchelo) e Elisa Martín (piano) deleitaron ao público cun repertorio que incluíu obras de Robert Schumann, Andrés Gaos, Frédéric Chopin e Astor Piazzolla.
Xaneiro no CMUS Profesional de Monforte
O primeiro concerto do ano tivo lugar o 9 de xaneiro, ás 18:00, no CMUS Profesional de Monforte. Alexandre Ferreira e Carlos Ares (violonchelo), xunto a Javier López (piano), volveron interpretar as obras de D. Popper, C. Saint-Saëns e S. Prokófiev, agasallándonos cunha tarde marabillosa.
Próxima parada: Santiago de Compostela
Queda unha última data deste ciclo que non vos podedes perder. Apuntádea na vosa axenda!
📍 20 de xaneiro, ás 19:30, no CMUS Profesional de Santiago
Nesta ocasión, Millán Abeledo (violonchelo) e Elisa Martín (piano) presentarán un fantástico repertorio con obras de R. Schumann, A. Gaos, F. Chopin e A. Piazzolla.
Animámosvos a vir e gozar deste concerto, que será o broche final do noso Ciclo de Concertos de outono. Vémonos alí!
Comments