top of page

Crónica e entrevista: Katarina Leskovar e Ensemble Vigo 430

Crónica e entrevista: Isabel Figueroa


O pasado sábado 4 de novembro, no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo, tiven a oportunidade de escoitar este concerto cun programa tan pouco habitual, dentro da tempada “Orixes” da Orquestra Vigo 430.

Katarina Leskovar é unha excelente violonchelista, especializada en repertorio para violoncelo do s.XX. Nesta ocasión, e xunto a outros músicos da Vigo 430, ofreceunos un programa diferente en canto á variedade e orixinalidade do repertorio, como fascinante pola interpretación de Katarina e os seus compañeiros.

Katarina Leskovar - Quinteto de Webern
@Eduardo Irago - Katarina Leskovar durante o Quinteto de Webern

O programa consistiu nunha recompilación de obras, tanto para violonchelo só como para diferentes combinacións de música de cámara, desde o dúo de violonchelo e piano ou violonchelo e violín, pasando polo trío de cordas ata o quinteto de corda.


Todo o concerto pareceume unha delicia. Faise difícil destacar algunha das obras interpretadas, porque disfrutei con todas e cada unha delas, pero unha das xoias do concerto, foi o Capriccio per S. Palm. Por estes lares é difícil ter a ocasión de escoitar esta música en directo, e ademais, interpretada con tanta mestría. Outra obra para lembrar, o Langsamer Satz de Webern, no que acompañada por Nadia Kalmykova, Ana Shi Yu e Adrián Martínez, nos ofreceron unha delicada versión da obra na que brillaron todos os intérpretes.



@Eduardo Irago - Katarina Leskovar e Brais González

Alén destas pezas consagradas da música do s. XX, foi un descubrimento a sonata op. 67 da compositora francesa Mel Bonis, acompañada ao piano por Brais González, querido compañeiro e excelente músico que lle dá un plus a calquera concerto. Esta sonata de 1905, resultou ser unha sorpresa, pola súa sonoridade, polos diferentes caracteres de cada movemento e polo virtuosismo que esixe do piano e do violochelo.


En resumo, foi un concerto excelente e variado, que gustou a entendidos e afeccionados. Esperemos que sexa unha de moitas outras ocasións de disfrutar deste formato e formación flexible con repertorio pouco convencional.


Despois do concerto, tiven a ocasión de conversar uns momentos con Katarina e o resto dos músicos. Ofrecínlle a posibilidade de facer unha pequeña entrevista e responder algunhas preguntas para os socios e socias de Soncello. Pasados uns días, entre concerto e concerto, envioume as seguintes respostas, que vos reproduzo aquí.


Dende Soncello, moitas grazas Katarina!

 

P. Que criterio seguiches á hora de elixir o repertorio para o concerto do pasado sábado?


R. Quería presentar unha selección diversa de pezas de diferentes épocas, incluído música habitual e menos coñecida que puidese ofrecer unha nova experiencia ao público.

P. Como foi o teu achegamento á especialización no repertorio para violoncelo do século XX?



@Eduardo Irago - Katerina Leskovar durante o seu concerto en Vigo

R. O meu primeiro contacto coa música contemporánea de forma máis frecuente e seria foi durante os meus estudos de licenciatura. Comecei con música de cámara e inmediatamente quedei fascinada polas diferentes formas de tocar o meu instrumento que non explorara antes. Así foi como me atraeu por primeira vez. Gocei experimentando coa variedade de sons e escoitando o son e a música dunha maneira diferente. Para min tamén era moi importante manter sempre unha conexión coa música que se está creando na miña época. Dáme moita perspectiva.


P. Tiveches a oportunidade de traballar nunha peza xunto ao compositor? E se é así, que che pareceu a experiencia?


R. Si, ese é tamén un dos grandes beneficios de tocar música contemporánea. Coñeces ao compositor, ves á persoa detrás da creación, podes escoitar as súas ideas: é un proceso en vivo. Toda a experiencia tamén depende do compositor e da súa personalidade. Algúns son moi meticulosos e queren que as súas pezas sexan interpretadas dunha maneira moi específica, mentres que outros teñen un enfoque máis flexible e dan máis liberdade ao intérprete. Ambas formas son igualmente válidas e requiren diferentes habilidades e enfoques por parte do intérprete.


P. Que tipo de repertorio recomendas para nos familiarizar con músicas e estilos menos convencionais ou máis recentes no violoncelo?


Depende da idade ou do nivel dos violonchelistas, pero creo que cada un pode gozar da música contemporánea á súa maneira e realmente animaría a todos a que a probasen. Unha boa forma de entrar en contacto con ela é a través de pezas de música de cámara: tocar e descubrir algo novo con amigos adoita ser máis divertido e motivador. Algo axeitado para todas as idades é xogar coa improvisación libre: isto permíteche descubrir o teu instrumento sen límites. Agudiza os oídos e faiche escoitar os sons do teu instrumento ou do teu arredor de maneira diferente e dáche a liberdade de ser aínda máis creativo. Despois diso, suxeriría comezar con algunhas pezas solistas contemporáneas máis breves e mergullarse no repertorio.


P. Cales son os teus próximos proxectos?


R. Os meus próximos proxectos son principalmente proxectos de música de cámara, que van desde a música clásica máis antiga ata a contemporánea. Mentres respondo estas preguntas, estou en Eslovenia para asistir a un festival de música contemporánea. Pero desde logo espero volver pronto a Galicia!


 


Katarina completou os seus estudios coma solista na Berlin University ot the Artes, e previamente estudou violoncehlo na hochschule für Musik Carl Maria von Weber Dresden, a Hochschule für Musik Basel e a University of Music and Performing Arts Graz, nas clases de Julian Arp e Danjulo Ishizaka, así comotamén música contemporánea con agrupacións da zona experimental. Estivo becada coa Basel Sinfonietta.


Tocou en lugares tan destacadso como o Beethoven-Haus Bonn, Musikverein Vienna, Alte Oper Frankfurt, Semperoper Dresden, Cité Internationale des Arts Paris, Concertgebouw Amsterdam e en festivais coma o Lucerne Festival, Davos Festival, Warsaw Autumn, Ruhrtriennale, Klangspuren Festival, Carinthian Summer, Festival Ljubljana e o Chamber Music Festival Hohenstaufen. Ela estreou obras de Beat Furrer, Thomas Kessler, Svetlana Maraš, Judit Varga, Uroš Rojko, Jean-Jacques Dünki e moitos máis.


Programa:

M. Bonis: Sonata op. 67 para violonchelo e piano

K. Penderecki: Capriccio per Sigfried Palm para violonchelo solo

A. Webern: Langsamer Satz

G. Kurtag: Signs, Games and Messages para trío de cordas

I. Xenakis: Dhipli Zyia para violín en violonchelo

19 views0 comments

Comments


bottom of page