Concerto en Mi menor para violonchelo e orquestra op. 85 (E. Elgar)
- Soncello

- 5 days ago
- 6 min read
Edward Elgar: o “outsider” que escribiu o concerto máis humano para violonchelo
Por Laura Núñez e David Rodríguez Rivada
Se hoxe o Concerto para violonchelo de Edward Elgar che parece unha obra sagrada, prepárate para coñecer as circunstancias que rodearon a súa creación.
Naceu nun momento de caos, cansazo e frustración e a súa estrea foi un pequeno desastre. Si, un dos concertos máis amados do repertorio violonchelístico comezou costa arriba.

Edward Elgar (1857–1934) naceu en Broadheath, nos arredores de Worcester, e non saíu dunha academia prestixiosa nin foi un neno prodixio deses que xa compoñen sinfonías aos 12 anos. Era, basicamente, autodidacta. O seu pai tiña unha tenda de música e afinaba pianos. A súa nai tiña un gusto exquisito pola música, a literatura e a arte en xeral e, por suposto, inculcou ese amor pola cultura aos seus sete fillos. O pequeno Edward medrou rodeado de partituras, instrumentos e músicos locais, pero aprendeu sobre todo observando, lendo e probando. Sendo un neno, xogaba cos seus irmáns a escribir obras de teatro. Como experimento, musicou unha delas que, anos máis tarde, xa como músico profesional, reorganizou e bautizou co título de A variña da xuventude. Tocaba o violín, o órgano, facía arranxos, ensinaba música no colexio para nenos cegos de Worcester e dirixía o coro dos Gardas do Hospital Psiquiátrico de Powick. En definitiva, traballaba en calquera ámbito relacionado coa música para gañarse a vida.
Introvertido e solitario por natureza, cando viaxaba a Londres, Elgar sempre se sentía un “intruso” no elegante mundo musical londiniense. Non era de clase alta, non tiña un apelido influente, nin estudos “oficiais”. Esa sensación de “non pertencer” nunca o abandonou e percíbese de forma moi clara na súa música máis íntima.
En 1889 casa con Carolina Alice Roberts, unha escritora e alumna súa que foi desherdada pola súa familia ao casarse con Edward. Caroline pasou a ser a súa secretaria e representante. Como agasallo de voda, Elgar regaloulle Salut d’amour. Podes escoitala aquí.
O matrimonio instálase en Londres. E, aínda que ao principio as súas composicións non teñen gran impacto na sociedade londiniense, coa súa Serenata de cordas comeza a ter éxito. Podes escoitala aquí. Podes escoitala aquí. Pero a fama e a gloria chegarán coas súas Variacións Enigma. Podes escoitalas aquí.
En 1904 é nomeado cabaleiro no Palacio de Buckingham e pasa de ser simplemente Elgar a ser coñecido como Sir Edward Elgar. Obtén o posto de profesor na Birmingham University e en 1911 concédenlle a Orde do Mérito.
O Reino Unido entra na Primeira Guerra Mundial, feito que afecta enormemente ao noso pacífico e sensible compositor. Escribe varias pezas para animar os cidadáns ingleses. Probablemente escoitaches algunha vez Pompa e circunstancia. Podes escoitala aquí
Cando Elgar escribiu o Concerto para violonchelo en mi menor, Op. 85 (1919), o mundo acababa de saír da Primeira Guerra Mundial. A Europa brillante e optimista que el coñecía desaparecera. Millóns de mortos, cidades destruídas, unha sociedade rota. Elgar, que antes escribía música maxestosa e heroica, estaba esgotado física e emocionalmente. De feito, durante esa época sufriu problemas de saúde, sentíase fóra de lugar no novo mundo moderno e pensaba que o seu estilo xa non interesaba. Retirouse ao campo inglés para descansar e recompoñer a súa alma atormentada e é aquí onde compón o noso concerto. Este concerto non é un berro heroico. É case o contrario: unha conversa interior. O violonchelo é o protagonista perfecto. ¿Por que o chelo? Porque soa a humano.
Elgar adoraba a voz cálida e escura do violonchelo. Non o usa aquí para lucimento virtuoso constante, senón como se fose alguén falando consigo mesmo.
Escoita o comezo aquí. É un recitativo grave, que imaxinou mentres a imaxe dunha Europa destrozada inundaba o seu espírito. A orquestra non entra impoñendo, senón que aparece o violonchelo dicindo: “Necesito contarche algo”. Este concerto non se gaña con velocidade nin artificio, senón co control do son, do fraseo e do peso emocional.
¿Sabías que Elgar soñou a primeira frase orquestral? Ao espertar dunha anestesia, Edward pediu lápis e papel para escribir esa música que lle falara nos soños.
A estrea, en Londres, en 1919, foi un caos. ¿O problema? O director principal do programa (Albert Coates), que se pasou de tempo ensaiando a SÚA música… e deixou case sen ensaio a obra de Elgar. Resultado: orquestra insegura; pouco tempo para axustar; execución desordenada. A crítica non foi amable. O concerto non triunfou de inmediato e quedou medio esquecido.
Un ano despois da estrea, Caroline falece e Elgar queda sumido na máis profunda desesperación. A súa pluma queda sen música durante anos. Incapaz de compoñer nada, polo menos dirixe e realiza gravacións.
A primeira gravación deste concerto, co sistema formado por gramófono e micrófono, foi realizada por Beatrice Harrison en 1926. Déixovos aquí esta gravación histórica.
No seu último ano de vida, prodúcese un renacemento da súa mente creativa e, co motivo do 75 aniversario da BBC, compón o Concerto para violín e orquestra, estreado por Yehudi Menuhin.
Falece o 23 de febreiro de 1934, annus horribilis da música en Inglaterra, pois foi o ano no que perderon tres dos seus grandes: Gustav Holst, Frederic Delius e Edward Elgar.

Décadas despois, nos anos 60, unha moza chelista británica cambiou a opinión formada arredor do concerto: Jacqueline du Pré. Tiña pouco máis de 20 anos cando o gravou. A súa interpretación era intensa, vulnerable, apaixonada, case ao límite. Non tocaba o concerto como unha peza elegante do pasado, senón como algo urxente e vivo.
Desde entón, o concerto converteuse en obra imprescindible, rito de paso para chelistas e símbolo de profundidade emocional.
Moitos mozos descubreno hoxe grazas a esa gravación e senten que a música lles fala directamente.
É un concerto sobre a fraxilidade, non sobre o poder. Hai declamación, nostalxia, ironía, tenrura e tamén unha especie de fermoso cansazo. É música de alguén que viviu moito e mira atrás.
Para un violonchelista, tocar este concerto é case un reto filosófico.
Elgar pensaba que o seu tempo xa pasara, cría que o mundo novo non tiña espazo para a súa voz e, con todo, máis dun século despois, violonchelistas de todo o planeta seguen encontrándose a si mesmos neste concerto. Aquel señor inseguro, autodidacta, que se sentía fóra de lugar, escribiu sen pretendelo unha das obras que mellor entenden o que é ser humano cun violonchelo nos brazos. E talvez por iso, cando o tocas, non parece música antiga: parece que alguén, desde 1919, che está falando directamente.
Déixovos aquí máis información con enlaces a vídeos de clases maxistrais, diferentes interpretacións, partituras, acompañamentos e artigos, en definitiva, ferramentas coas que podedes gozar e crear a vosa propia versión do concerto.
A) Enlaces a vídeos de clases maxistrais sobre a obra
Robert Cohen (1ro MOV)
Inbal Segev (1ro MOV)
Hans Jorgen Jensen (1ro MOV)
Claudio Bohórquez (1ro MOV)
Gary Hoffman (1ro e 2do MOVS)
Frans Helmerson (3ro e 4to MOVS)
Andrew Shulman (1ro MOV)
Gregor Horsch (4to MOV)
Alan Rafferty (4to MOV)
Alan Weinstein (4to MOV)
Pablo Ferrández (practicando parte do 2do MOV, HABLANDO falando desta obra ou repasando alguns ALGUNS pasajes)
Christine Newland
Yo Yo Ma (3ro E 4to MOVS)
B) Enlaces a partituras: AQUÍ accederás a elas.
En ESTE enlace accederás a un vídeo coa partitura e a interpretación de Sheku Kanneh-Mason.
AQUÍ, un vídeo coa parte do solo inicial e a partitura, e AQUÍ outro coa obra completa e as súas partituras, ambos interpretados por Jacqueline du Pré.
C) Enlaces ao acompañamento en piano
-3ro movemento: Adagio.
-4to movemento: Allegro. Moderato. Allegro, ma non troppo. Poco piu lento. Adagio.
D) Enlaces a grandes violonchelistas interpretando o concerto de E.Elgar.
David Cohen
Sterling Elliot (1ro e 2do MOVS)
Camille Thomas
Santiago Cañón
Pau Casals
Mischa Maisky
Paul Tortelier
Janos Starker
Pierre Fournier
Asier Polo
Alisa Weilerstein (COMPLETO GRAVACIÓN 1, COMPLETO GRAVACIÓN 2-CON BARENBOIM, 1ro MOV, 2do MOV, 3ro MOV e 4to MOV)
Anastasia Kobekina
Jacqueline du Pré
Sheku Kanneh-Mason
Sol Gabetta
Clare Bradford (1ro e 2do MOVS)
E) Enlaces a artigos de interese sobre a obra
Como o de MELOMANODIGITAL ou o da web da LA PHIL; clicando AQUÍ accederás ao artigo de MEDICI.TV sobre Jacqueline du Pré e esta obra.
F) Datos curiosos da obra:
AQUÍ accederedes ao vídeo no que os BBC Music Magazine Awards conceden o premio á mellor gravación do ano (2014) a Alisa Weilerstein pola súa interpretación deste concerto.
Agardamos que vos gustara este artigo.




Comments